Fondo
     

Primera viaxe pola Ruta do Viño da Ribeira Sacra que dá inicio á nova tempada de Galicia a todo tren

13-Junio-2016 - 09:56:31 

Ourense, 11 de xuño de 2016.- O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez realizou esta mañá a primeira viaxe do Tren do Viño da Ribeira Sacra, un dos nove itinerarios temáticos que este verano percorrerán Galicia no marco da cuarta edición do programa de trens turísticos "Galicia a todo tren”, posto en marcha pola Xunta de Galicia, Renfe e a Deputación de Ourense a través do Inorde.
Nava Castro explicou que nesta nova edición se incrementará a oferta global en 84 novas prazas grazas aos bos resultados obtidos na edición anterior, na que se obtivo unha ocupación do 87%, superando os 2.200 pasaxeiros, fronte aos 600 da primeira edición, e cun incremento de cinco puntos porcentuais con relación a 2014.

A directora explicou que este verán tamén se poñerán en marcha dúas novas rutas dos trens turísticos, a “Termal e do Camiño do Norte a Santiago” e a da “Lamprea e o viño do Condado”. Polo tanto, en distintas datas entre xuño e outubro de 2016, un total de nove trens turísticos percorrerán outras tantas rutas temáticas.
 
A oferta deste programa compleméntase, un ano máis, co “Tren do Peregrino”, o “Tren dos Balnearios” e o “Galicia Rail Pass”, a través dos cales se pode, respectivamente, vivir a experiencia do Camiño de Santiago, gozar do termalismo galego ou desprazarse en tren por toda Galicia para coñecer os seus múltiples recursos.
 
Ademais, este ano Santiago recibirá a visita do tren de luxo máis amplo e espazoso do mundo, o Al-Andalus. A directora fixo fincapé en que será a primeira vez na historia que este convoi viaxe entre Madrid, a Comunidade Autónoma de onde procederon máis peregrinos en 2015, e Santiago de Compostela, meta xacobea. O tren realizará unha viaxe en xullo e outra en agosto, marcando un fito histórico de grande importancia para a Comunidade e para o Camiño de Santiago, segundo Nava Castro.
 
Tren da Ruta do Viño da Ribeira Sacra
 
No itinerario que a directora percorreu esta mañá, o tren turístico Aba Sacra parte da estación de tren de Ourense para realizar un percorrido turístico pola Ribeira Sacra. A ruta inclúe unha visita á adega Regina Viarum, ao Centro de Interpretación do Viño en Monforte de Lemos, un paseo en catamarán polo río Sil e a visita tanto ao Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil como á Aula do Ferrocarril dos Peares.
A directora avogou por que esta iniciativa contribúa a seguir coa tendencia positiva que está experimentando o turismo local. Neste sentido, Nava Castro explicou que en 2015 a Ribeira Sacra contabilizou máis de 173.000 viaxeiros e máis de 258.000 pernoitas, supoñendo incrementos da demanda dun 12,5% e dun 9,7%, respectivamente, en relación a 2014.
Así mesmo, segundo dixo a directora, os resultados aínda son máis favorables en 2016 posto que no primeiro cuadrimestre a Ribeira Sacra xa rexistrou un incremento do 3,2% nos viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros e do 9,9% nas pernoitas en relación ao mesmo período do ano anterior.
 
Detalle das novas rutas
 
Os dous novos itinerarios que se ofrecerán este ano serán as rutas “Termal e do Camiño do Norte a Santiago” e a da “Lamprea e o viño do Condado”, que se unen ás sete existentes: a dos Faros, entre Ferrol e Ribadeo, a dos Pazos e Xardíns Históricos, entre Santiago e Vigo, e as cinco Rutas do Viño que percorren as zonas das Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras, territorios nos que se producen os viños galegos con denominación de orixe.
O “Tren termal e do Camiño do Norte a Santiago” circulará entre A Coruña e Lugo os días 1 e 22 de outubro e amosará a riqueza termal galega, como a do balneario de Guitiriz, o Camiño do Norte, declarado Patrimonio da Humanidade en 2015, e a cidade de Lugo.
O “Tren da Ruta da Lamprea e o Viño do Condado” terá saída desde Santiago de Compostela os días 2 de xullo e 17 de setembro e achegará aos visitantes ás beiras do río Miño, dando a coñecer un patrimonio etnográfico centrado na lamprea. Este percorrido tamén ofrece, por exemplo, visitar o Pazo de Lourizán e os seus xardíns, que conteñen unha mostra da botánica forestal de extraordinario relevo en Galicia, e unha pausa para comer en Pontevedra e visitar a cidade. Ademais, o percorrido inclúe a visita a unha adega da denominación de orixe Rías Baixas.
Cada unha das nove rutas pódese realizar nun día e, ademais da viaxe en tren, ofrecen desprazamentos en autobús de ida e volta entre a estación de ferrocarril e o recurso turístico a visitar, xunto con actividades complementarias como rutas en catamarán e acceso e visitas guiadas especializadas a xardíns, adegas ou museos. Desta maneira, a iniciativa permite descubrir diferentes zonas de Galicia dunha maneira única, incrementando a competitividade da Comunidade como destino turístico e fomentando o desenvolvemento sustentable do sector.
 
Compartir en Twitter