Fondo
     

Semana Santa ao Vivo en Allariz

15-Abril-2019 - 11:45:49 

O programa “Semana Santa ao Vivo” que inclúe, música ao vivo nas rúas, mercados de artesanía e de gastronomía ou sesión de xogos tradicionais para as familias e outras novidades desta edición.
 
Unha novidade importante para este ano é a iniciativa “Ruta interpretada por Allariz”, que organiza a área de Turismo xunto coa empresa alaricana Xeitura. O obxectivo da mesma é amosar, durante unhas dúas horas e acompañados de guías especializadas/os na historia e patrimonio de Allariz, algúns dos recunchos con máis tradición da vila. Terá lugar os días 19 e 21 de abril ás 11:30 h.
 
E ademais, o domingo 21, Allariz recibirá a visita do movemento Urban Sketchers de Ourense. Artistas da pintura e do debuxo, profesionais e afeccionados, aos que se poden unir todas as persoas que o desexen,  achéganse a Allariz para celebrar o maratón de bocetos do Centro Histórico de Allariz.
 
O patio do Museo do Coiro acollerá, como é habitual, dende o xoves ata o domingo, o Mercado de Artesanía no que participan artesáns de Allariz. Unha decena de artistas exporán as súas obras feitas en coiro, cerámica ou pedra, entre outros.
 
O Mercado da Reserva da Biosfera ampliará o seu horario e abrirá o venres e sábado de 10:00h a 14:00h. As persoas visitantes ademais de mercar os produtos da reserva da biosfera, como o queixo do Rexo, o pan artesán, leite ecolóxica, mel, hortalizas ou produtos elaborados con castañas, poderán degustar, de xeito gratuíto, pratos elaborados na sesión de cociña en vivo.

Compartir en Twitter