Fondo
     

Fitur 2018

22-Enero-2018 - 10:07:40 

A Deputación de Ourense e o Inorde presentaron  en Madrid, na Feira Internacional de Turismo (Fitur) 2018 tres iniciativas no acto celebrado no stand de Galicia, no marco do evento de promoción turística máis importante do mundo. "Ourense, destino de turismo deportivo", a exposición "In tempore sueborum" e a campaña "Trens turísticos 2018", "son accións que marcan a singularidade e o potencial da nosa provincia, que conxuga como poucos lugares no mundo a riqueza do seu patrimonio histórico-artístico, o seu medio natural e a práctica deportiva de alto nivel e de lecer, tanto a carón dos nosos ríos como no cumio de Galicia, en Cabeza de Manzaneda, única estación de montaña do noroeste peninsular.

Ademais, o presidente da Deputación de Ourense asinou co ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, e co presidente de Renfe, Juan Alfaro, o convenio de colaboración de Termalismo Social entre as tres entidades, que ten como obxectivo ofertar servizos de saúde, benestar e envellecemento activo a través do termalismo social baseado nas propiedades terapéuticas das augas mineiro-medicinais, nos servizos médicos asociados e nas actividades socio-culturais que se prestan nas instalacións termais da provincia de Ourense. Este acordo posibilita que os interesados neste programa se poidan achegar á provincia de Ourense desde máis de 40 estacións de ferrocarril de toda España, xa que o billete de tren está contemplado no propio programa. Este é o primeiro ano que as estancias –de 6 días, tren incluído- comezan este mes de xaneiro e durarán ata decembro deste ano.
 
"Ourense é una provincia de natureza e calma, pero tamén de innovación e competitividade –destacou Manuel Baltar-, como a que amosa o seu protagonismo na Vuelta a España, que este ano volverá a estar na nosa provincia, coa etapa máis longa desta proba ciclista, ao igual que xa fixera hai dous anos con catro etapas no territorio ourensá; un Ourense milenario e de cultura, como o que nos achega a exposición "In tempore sueborum", a mostra máis importante de Europa sobre o mundo suevo, e pola xa teñen pasado no mes que leva aberta máis de 10.000 persoas, un fito histórico pola relevancia e o seu carácter único, atraendo a Ourense a visitantes doutras comunidades e tamén de Portugal e doutros países", apuntou o presidente da Deputación.
 
Manuel Baltar dixo que a "marca Ourense" "caracterízase pola singularidade das súas propostas, destacando que en 2018 "a provincia de Ourense será un referente como destino de turismo deportivo tanto no que atinxe a innovación das propostas, como á promoción, o impacto económico e o alcance dos eventos, algúns de carácter internacional e que permitirá a millóns de espectadores de todo o mundo coñecer a beleza da nosa provincia".
 
Neste sentido, referiuse á etapa da "Vuelta" 2018, que se disputará o 5 de setembro e que terá como meta o concello ourensán de Luíntra, na Ribeira Sacra, territorio polo que Manuel Baltar liderou a iniciativa para que sexa distinguido como Patrimonio Mundial da Unesco. Un evento, La Vuelta, que ten unha cobertura en 188 países, con 70 horas de directo en sinal internacional, 1.200 xornalistas e fotógrafos acreditados e unha media de 1,5 millóns de telespectadores.
 
Asemade, nesta proposta de Ourense como escenario deportivo destaca o Rally de Ourense, a proba máis valorada desta disciplina automobilística. Neste ámbito, a Deputación de Ourense por medio do Inorde, e coa súa marca "Ourense, a provincial termal", patrocinará en 2018 ao piloto ourensán de rallys do equipo oficial Suzuki, Javier Pardo, quen xunto ao seu compañeiro Joan Vinyes disputará 11 probas do Campionato de España de Rallys de Asfalto e 7 probas do Campionato de España de Rallys de Terra.
 
A estas propostas no ámbito deportivo únense o Campionato de España Escolar de Ciclismo, que se disputará en xullo en Baños de Molgas; a proba ciclista "Ourense Strade Termal", que reunirá en abril no Xurés a 500 deportistas; os campionatos de España de Remoergómetro e Remo de Larga Distancia, que terán lugar en Ribadavia e Castrelo de Miño neste mes de xaneiro; proba de resistencia deportiva "Gladiator Race", que se disputará en setembro na contorna do Complexo O Corgo de Muíños, e os campionatos de España de Baile Deportivo e o 1º Congreso Internacional de Baile, que terán lugar en Ourense no mes de xuño.
 
Ademais, no que atinxe a deporte de elite e alto rendemento, Manuel Baltar subliñou que a provincia de Ourense "continuará en 2018 sendo un referente internacional no ámbito do remo, coa previsión de contar no Centro de Adestramento de Remo de Laias co máis de 1.100 deportistas e 19.000 estancias".
 
Na presentación de "Ourense como destino de turismo deportivo" Manuel Baltar estivo acompañado por persoeiros como o director xeral da Vuelta a España, Javier Guillén; o entrenador da selección española de Piragüismo, Luis Brasero; e o director de Competición de Suzuki, Rafael Sánchez; acto ao que tamén asistiu o conselleiro delegado de Mediaset España, Paolo Vasile.
 
In tempore sueborum
 
Sobre a exposición "In tempore sueborum" Manuel Baltar anunciou que "dado o éxito de público prorrogarase ata o mes de maio", sendo a mostra máis importante de Europa sobre o mundo suevo, que reúne por primeira vez o maior número de pezas deste período histórico. A exposición fai un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia (411-585), amosando un total de 262 pezas procedentes de 39 museos de 10 países: España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Bélxica, Francia, Alemaña. Pode visitarse en tres espazos expositivos da cidade de Ourense, organizado cada un deles, segundo unha temática. Deste modo, os obxectos que alberga o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense fan referencia á temática da deconstrución dos bárbaros. Na Igrexa de Santa María Nai están as pezas que se centran no proceso de cristianización na Gallaecia da época sueva, e o Museo Municipal mostra o ámbito social e organizativo dos suevos cos galaico-romanos.
 
"Nunca antes tivemos a oportunidade de contemplar tanta historia xunta e dun período histórico tan descoñecido ata o de agora", dixo o Manuel Baltar, quen estivo acompañado na presentación pola presidenta do Congreso, Ana Pastor. "Trátase dun percorrido polos tesouros arqueolóxicos máis incribles do pobo Suevo –que tivo en Ourense o primeiro reino medieval de occidente-, unha mostra que grazas ao labor do profesor Jorge López Quiroga e seu equipo e á colaboración dos máis importantes museos de Europa, podemos admirar a centímetros de distancia nos espazos expositivos de Ourense", salientou Baltar.
 
Tres turísticos
 
Finalmente, xunto á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o presidente da Deputación de Ourense presentou os "Trens turísticos 2018", unha iniciativa que propón aos visitantes que se acheguen a Ourense sete rutas ferroviarias con percorridos específicos polo enoturismo, os mosteiros, a natureza e o termalismo. "Viaxes en tren para admirar a paisaxe, gozar do noso termalismo e coñecer a unha das provincias con máis denominacións de orixe vitivinícolas de España: Ourense", explicou Manuel Baltar.
 
Os sete percorridos son: "Tren da ruta do viño de Monterrei", "Tren das rutas dos viños do Ribeiro e das Rías Baixas", "tren da ruta do viño da Ribeira Sacra", "Tren das rutas dos viños Valdeorras-Ribeira Sacra", e como novidades en 2018 o "Tren da ruta dos mosteiros" (Santiago de Compostela-O Carballiño), o "Tren da ruta Ribeira Sacra do Miño" (Ourense-Monforte de Lemos), e o "Tren da ruta Ourense Termal".
Compartir en Twitter